Galiza. Territorio e paisaxe
Non estamos sos. Non somos alleos aos fenómenos que nos rodean, pero si temos características históricas, territoriais e culturais propias que introducen fondos matices de reflexión á hora de exercer a práctica profesional das disciplinas da arquitectura e do urbanismos en Galiza.
A sinuosa e atractiva topografía galega, as acaracterísticas excepcionais naturais das nosas rías, a tremenda presenza de acuíferos que posibilitaron dende sempre a dispersión poboacional actual e a presenza abondosa de entidades de poboación son algúns dos factores territoriais que máis condicionan o patrimonio urbanístico e arquitectónico herdado no noso territorio.
Recollemos unha concepción orgánica do territorio, moi humanizada, de escala sensíbel e de forte raigame e calado inconsciente no sentir galego.
Arquitectura e urbanismo en Galiza. O estado da cuestión
Hoxe a situación é diferente. A arquitectura e o urbanismo navegan por rumbos incertos que parecen non conducir a un destino claro.
A presenza desequilibrante do factor economista e legalista en ambas disciplinas provoca a aparición de obxectos e artefactos que se afastan desa coherencia territorial-volumétrico-tectónica da paisaxe. Rachou a partitura. Cantidade de sons desafinan unha melodía galaica que adozaba os oídos de propios e visitantes até non hai moitas décadas.
O proceso de degradación é forte, preocupante e crecente en progresión sobre o litoral bate marcas históricas, a periferia das cidades galegas non é capaz de asumir o proceso devorador do m2 construído, as vilas e vilares ansían modelos importados destrutores do carácter local; estamos inmersos nun sprint desenfreado cara unha meta descoñecida, nunha carreira chea de normas que ninguén é quen de controlar.
No medio desta situación urbanismo e arquitectura como tales esvaécense, perden protagonismo e deixan de interesar. Unha porcentaxe elevada das edificacións que hoxe se levantan en Galiza non poden ser recoñecidas como arquitectura; o mesmo ocorre co planeamento.
O cumprimento dunha serie de parámetros normativos encamiñados a acadar unha licenza municipal de obras ou unha aprobación definitiva dun documento urbanístico, desgraciadamente non garanten, moitas veces todo o contrario, o nacemento dun produto construído coherente, sensíbel, respectuoso e encarnado no medio no que se asenta.
Resulta decepcionante contemplar no día a día como todos eses proxectos que salvan esas trabas burocráticas de visados colexiais, controis municipais e autonómicos, así como doutras administracións, acaban manchando e enturbando os xa moitas veces debilitados contornos naturais e urbanos.
Hoxe non se fala de arquitectura e de urbanismo, salvo en moi contadas e sempre loábeis excepcións; fálase de negocio inmobiliario –sempre lícito, pero non sempre xustificábel-, de prazos de execución, de aprobacións provisionais, de distribucións equitativas de cargas e beneficios –sobre todo de beneficios.
A achega cultural da arquitectura e do urbanismo en termos xerais está en crise, a súa función social, utópica e revolucionaria segue sendo minoritaria e a súa dignidade profesional esmorece cada día. Especialmente problemática semella a situación do urbanismo, dada a súa trascendencia social, económica, funcional e claramente condicionadora do xeito de vivir e da consecución da calidade de vida.
É triste observar como a tramitación do planeamento urbanístico nos concellos galegos se converte en arma de destrución masiva, en elemento de discordia, en motivo de liorta veciñal e política. Un plan xeral, ou calquera outro tipo de instrumento de ordenación territorial, debería ser visto como unha oportunidade magnífica para o crecemento intelectual da comunidade e para a mellora das condicións de vida, tanto dende o punto de vista material –dotacións, zonas verdes, espazos de luz…- como espiritual –carácter de barrio, autoestima cidadá, implicación activa nas institucións, etc.-, un evento a celebrar de carácter colectivo tal vez semellante ao que poida significar no contexto familiar o nacemento dun fillo.
Camiños. Buscas. Reflexións. Solucións
Os camiños, as buscas e as reflexións son amplos e variados; as posíbeis solucións son complexas, incertas e ademais abranguen moitos aspectos da realidade difíciles de medir. Incluso parece presuntuoso aventurarse a plantear solución dende aquí. Semella máis preciso falar de repensar, de retomar entre todos aqueles aspectos, de incidir de xeito máis transcendente no devir actual dos acontecementos.
Enumeramos a modo de esquema algunhas destas cuestión a ter en conta, cuestións que nos preocupan e que entendemos poden ser complementarias de moitas outras non expostas aquí. As nosas preocupacións encamiñaríanse, pois, cara aos seguintes puntos.
1. Toma de conciencia global do problema a nivel do conxunto da sociedade, poñendo de relevo a necesaria formación e a educación a tódolos niveis. Especialmente importantes son a formación e a información arquitectónica e urbanística nos centros de ensino.
2. Desenvolvemento dun marco normativo claro. Especialmente relevante semella a análise das Directrices de Ordenación Territorial de Galiza, con sentido de solidariedade e de estudo territorial a nivel de eurorrexión, o estudo real de Galiza no seu contorno e no seu contexto socio-económico, así como o asentamento “social” da lexislación estatal e autonómica.
3. Políticas reais de información, formación, control e disciplina urbanística.
4. Políticas de apoio á Administración local, responsábel do urbanismo en última instancia.
Asesoramento, persoal técnico, seguimento do planeamento máis alá da súa fase de redacción e aprobación.
Creación de oficinas de xestión urbanística nos concellos de cara a facer posíbel a xestión urbanística como elemento público capaz de plasmar as directrices establecidas no planeamento en tempo e forma.
Desvinculación da arquitectura e do urbanismo do financiamento da Administración local.
5. Fomento da iniciativa e do liderato público en actuacións exemplificantes: criterios de ordenación sostíbeis e racionais, e obra pública referencial exemplarizante en tódolos sentido. Especial atención ao tecido residencial, tendo sempre en conta o seu carácter social.
6. Esixencia proxectual e formal aos instrumentos de planeamento en función da escala de traballo; semella, despois dos resultados acadados cos planeamentos de “mancha”, que non provocaron efectos positivos na nosa realidade. Para acadar esta esixencia son necesarios máis recursos, tanto humanos como económicos para o exercicio da actividade urbanística e máis tempos para a reflexión, a planificación e a proxectación urbana.
7. Políticas de discusión, difusión e participación cidadá nos proxectos urbanísticos e arquitectónicos de especial relevancia. Trasladar ao conxunto da sociedade os debates territoriais.
Impulso da “calidade” urbanística e arquitectónica, da investigación e das novas ofertas tipolóxicas e construtivas.
8. Control de “carácter cultural” das licenzas, máis alá do mero control administrativo e do visado dos colexios profesionais, controis que se teñen manifestado como claramente infrutuosos de cara á melloría intelectual do produto final.
Poderíase estudar a creación de “comisión técnicas”, ou algunha outra figura similar, con capacidade real de interpretación, revisión e excepción do cumprimento de certas normas –moitas veces incomprensiblemente excluíntes e outras escandalosamente condescendentes- que sexan capaz de avaliar con obxectividade a idoneidade ou inconveniencia de determinadas actuacións urbanas, tendendo á dignificación de tódolos axentes que redunde nunha ilusión renovada no exercicio profesional.
9. Especial coidado e sensibilidade co patrimonio, tanto natural como construído, cos valores tanxíbeis e cos intanxíbeis, especialmente con aqueles aspectos claramente reveladores das identidades do lugar como conxunto de cohesión físico-espiritual.
10. Máximo respecto ao carácter, á identidade e á esencia galega en termos de implantación territorial, de respecto á topografía, á hidrografía, á paisaxe, ás volumetrías, ás tipoloxías e a todos aqueles elementos singulares.
O futuro: os desexos
Os futuros son sempre retos, oportunidades de cambio e motivo de ilusión. A arquitectura e o urbanismo deberían recuperar o liderato social en prol da súa propia revolución, revisión e reinterpretación continua da realidade da comunidade na que actúan.
Os valores éticos, de compromiso co público e de honestidade de tódolos axentes implicados ten que redundar nunha visión positiva e alegre da situación.
Eliminar as tensións do territorio, as facianas duras e os semblantes serios; o traballo responsábel con conciencia global débenos procurar esa paz interior que permita esbozar o sorriso: o sorriso da confianza no futuro e no bo facer.
A reivindicación da identidade, do concreto, da contextualización no lugar, no traballo xeneroso, na función social, na utopía, na investigación, no afondamento e reinterpretación do propio, son argumentos de peso apaixonantes que nos teñen que motivar a todos para confiar en que mudar é posíbel.
A arquitectura é una disciplina cativadora: os estudos das implantacións, do saber popular, do pouso dos oficios, da tradición construtiva, da experimentación material, do valor dos significados, das pegadas…, atrapan a todo aquel que se achega a eles con respecto e admiración, como fonte continua de aprendizaxe e de recoñecemento de nós mesmos e da nosa cultura.
O futuro fabricará o pasado das xeracións posteriores. Temos o desafío e a obriga de elevar o listón. A iso aspiramos.